Sarria

O Concello de Sarria recibe 55.801,50 € da Xunta de Galicia e do FEDER para mellorar a xestión dos residuos municipais

Mellora na xestión dos residuos municipais

Recollida separada de biorresiduos · Recollida separada de téxtil · Punto limpo móbil · Dixitalización do servizo de residuos
O Concello de Sarria resultou beneficiario de catro axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, convocadas pola Orde do 15 de xaneiro de 2026 para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal (procedemento MT975X) e cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027. O importe total concedido ascende a 55.801,50 euros.

As actuacións subvencionadas son as seguintes:


•    Liña 1 · Recollida separada de biorresiduos (exp. EELL-0184-2026-RES): 18.076,50 €. Implantación e mellora da recollida separada dos biorresiduos (contedor marrón): subministración de contedores, caldeiros e bolsas compostables e campañas de sensibilización dirixidas ás familias e aos grandes xeradores (hostalaría, comercio e centros públicos), para que os restos de comida e de horta deixen de ir á fracción resto e se valoricen como compost.


•    Liña 4 · Recollida separada de téxtil (exp. EELL-0197-2026-RES): 7.725,00 €. Instalación de contedores para a recollida separada de roupa, calzado e téxtil usado, e campaña de información á veciñanza sobre o novo servizo.


•    Liña 6 · Punto limpo móbil (exp. EELL-0189-2026-RES): 15.000,00 €. Adquisición dun punto limpo móbil, un vehículo equipado que percorrerá as parroquias e núcleos do municipio para achegar á veciñanza a recollida separada de residuos especiais (aceite, pilas, pequenos aparellos eléctricos, lámpadas, téxtil, envases de produtos perigosos, etc.).


•    Liña 7 · Dixitalización do servizo de residuos (exp. EELL-0196-2026-RES): 15.000,00 €. Elaboración dun inventario xeolocalizado de todos os contedores e puntos de achega do municipio, un estudo técnico do funcionamento e saturación do servizo e unha análise dos custos reais por fracción, que servirán de base para avanzar cara a unha taxa de residuos máis xusta e axustada ao custo real do servizo.


O obxectivo principal destas axudas é ampliar a capacidade de xestión de residuos municipais e o resultado que se pretende acadar é aumentar a cantidade de residuos que se recollen de xeito selectivo, en liña cos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030 e da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
As actuacións executaranse ao longo de 2026. O Concello de Sarria pide a colaboración da veciñanza para facer un bo uso dos novos servizos, dos que se irá informando a medida que entren en funcionamento.


Actuación cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027 (taxa de cofinanciamento do 60 %) e pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

SARRIA WEATHER

Sarria

Select your language