Sarria

Comeza a preselección dos 20 alumnos/as do novo Obradoiro de Emprego

O Concello de Sarria vén de iniciar o proceso de selección do equipo directivo e docente do Obradoiro de Emprego “Sarria Camiño de Santiago IV” e tamén das persoas desempregadas que optarán a cubrir as 20 prazas de alumnos/as ofertadas neste novo programa formativo.

Nesta cuarta edición, o obradoiro de emprego promovido polo Concello de Sarria contará con dúas especialidades: pavimentos e albanelería de urbanización, e instalación de elementos de carpintaría. En cada unha delas seleccionaranse 10 alumnos/as, que deberán estar inscritos previamente na Oficina de Emprego de Sarria. Ademais, tamén se seleccionará un/unha director/a, unha persoa de administración e dous monitores/as.

O alcalde, Claudio Garrido, avanzou que está previsto que as probas de selección dos candidatos/as se realicen na semana do 23 de outubro para que o obradoiro poida comezar o vindeiro día 6 de novembro.

O Obradoiro de Emprego “Sarria Camiño de Santiago IV” conta cunha subvención de 531.000 euros xestionada polo Concello de Sarria coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e está orientado a acometer diferentes actuacións de mellora e rehabilitación de espazos ao longo do Camiño Francés ao seu paso pola vila.

Entre as obras programadas figura a rehabilitación da porta principal de acceso ao consistorio -de madeira maciza de castaño-, a construción dun expositor para información turística en madeira de castaño, a rehabilitación da carpintaría exterior de madeira da antiga prisión provincial, a construción dunha praza pública fronte á entrada do antigo cemiterio, a pavimentación do camiño central do antigo cemiterio e de parte do trazado do Camiño de Santiago fronte á nova ampliación do cemiterio e a rehabilitación do antigo edificio de autopsias ubicado no cemiterio vello.

SARRIA WEATHER

Sarria

Select your language