Sarria Acendida Primeira Parte: Liga Nacional de Graffiti
Sarria ACENDIDA conectará cultura contemporánea e memoria rural cunha programación de setembro a decembro.
O proxecto, impulsado polo Concello de Sarria e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, comezará os días 4, 5 e 6 de setembro coa Liga Nacional de Graffiti
O Concello de Sarria pon en marcha Sarria ACENDIDA, un novo proxecto cultural que desenvolverá durante os próximos meses unha programación arredor da música, a memoria e a arte. A iniciativa conta cun financiamento de 50.000 euros da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e nace coa vontade de conectar a vila coa memoria das súas aldeas a través de propostas contemporáneas, participativas e abertas á veciñanza.
Sarria ACENDIDA desenvolverase entre setembro e decembro mediante diferentes accións culturais vinculadas á creación artística, ás artes escénicas, á música, aos oficios, á oralidade, á fotografía e á gastronomía. O proxecto propón recuperar e compartir historias, palabras, saberes e formas de vida do rural, levándoos a novos formatos e espazos.
A programación comezará os días 4, 5 e 6 de setembro coa celebración da Liga Nacional de Graffiti na zona deportiva de Sarria. Durante tres xornadas, dez artistas profesionais crearán en directo dez murais de gran formato que quedarán incorporados de maneira permanente ao espazo público da vila.
As obras xirarán arredor de cinco grandes liñas temáticas relacionadas con Sarria e coa memoria rural: as aldeas e as formas de vida vinculadas a elas; a lingua galega como realidade viva; os oficios, as mans e os saberes tradicionais; o papel das mulleres, os coidados e a transmisión da memoria; e a música, a festa e a tradición.
A intervención pretende achegar a creación urbana profesional á veciñanza, atraer novos públicos e deixar na vila un legado artístico que conecte a identidade do territorio cunha linguaxe visual actual.
Tres días de creación artística en directo
Durante o venres 4 e o sábado 5, os artistas traballarán na creación dos murais en horario de mañá e tarde, acompañados de diferentes sesións de DJ.
Ese mesmo sábado celebrarase, ás 12.30 horas, un obradoiro infantil de graffiti dirixido a nenas e nenos de entre 7 e 12 anos. A actividade será gratuíta e contará cun máximo de 25 prazas.
A información para realizar as inscricións está publicada nos perfís de redes sociais do Concello de Sarria.
O domingo 6, ás 12.00 horas, terá lugar a entrega de premios e a presentación pública dos murais realizados durante o encontro.
Un proxecto que permanecerá activo ata decembro, xa que tras esta primeira fin de semana dedicada á arte urbana, Sarria ACENDIDA continuará apostando polo teatro na nosa vila entre setembro e outubro.
Durante outubro e novembro organizaranse tamén distintos obradoiros relacionados coa memoria das aldeas, os oficios tradicionais, a oralidade e a regueifa, a fotografía e o vídeo, e a cociña e as receitas tradicionais. As actividades permitirán reunir voces, imaxes, palabras, coñecementos e sabores para construír colectivamente un arquivo vivo da memoria rural de Sarria.
O proxecto culminará o 12 de decembro na Praza de Abastos cunha celebración final que reunirá asociacións, música e unha mostra dos materiais e resultados xerados ao longo de toda a programación.
Cultura do Concello de Sarria irá dando a coñecer progresivamente os detalles de cada actividade e os correspondentes procesos de inscrición a través das súas canles oficiais.

